Pepephone lanza as primeiras tarifas con establecemento de chamada reducido

xoves, 16 de setembro do 2010 Marcus Fernández

As Operadoras Móbiles Virtuais (OMV) nos últimos meses tiveron un forte impacto na redución do prezo por minuto nas chamadas telefónicas grazas a unha guerra de prezo que agora poderían levar ao establecemento de chamada, pois Pepephone vén de lanzar as tarifas móvilToday que supoñen un importante aforro en chamadas de curta duración conservando tamén un reducido prezo por minuto.
Deste xeito, a tarifa móvilToday 7 ofrece chamadas a 7 céntimos/minuto cun establecemento de chamada de 7 céntimos (fronte aos 15 céntimos da meirande parte dos operadores) incluíndo tamén neste contrato de 7 euros/mes 400 Mbytes de descarga de datos (a unha velocidade de ata 7,2 Mbps) o que resulta moi práctico para os usuarios de smartphones (superado o tramo de descargas de balde habería que pagar 3 céntimos por Mbyte transmitido).
Os usuarios que non queiran gozar destes 400 Mbytes de descarga de datos ao mes, poden prescindir de ter un consumo mínimo mensual coa tarifa móvilToday 8, que ofrece un prezo por minuto de 8 céntimos, así como un establecemento de chamada polo mesmo prezo, resultando ideal para consumidores que realicen poucas chamadas ao mes ou chamadas dunha duración moi reducida.
Estas tarifas carecen de compromiso de permanencia e este OMV tamén destaca por converter o consumo acumulado en puntos canxeables por voos con Air Europa ou en descontos no aluguer de coches en Pepecar.

PUBLICIDADE