Pepephone incrementa a capacidade dos seus bonos de datos

martes, 11 de marzo do 2014 Marcus Fernández

O operador móbil virtual (OMV) líder en España, Pepephone, continúa a mellorar as súas tarifas, e o xeito de facelo consistiu en que, en vez de reducir o seu prezo, ampliaron a capacidade dos seus bonos de datos, algo un tanto rechamante, pois a meirande parte de operadores tenden a ser moi conservadores á hora de mover esta característica das súas tarifas.
Deste xeito, os usuarios que dispoñían de 900 Mb por 8,40 euros/mes poderán gozar agora de 1,2 Gb de transferencia; os que pagan 10,90 euros/mes pasan de 1,3 a 1,6 Gb de transferencia; e os que pagan 14,40 euros/mes pasan de 1,6 Gb a 1,9 Gb de datos. Os clientes con tarifas con bonos de datos máis reducidos (por exemplo, de 400 Mbytes/mes) tamén están a recibir melloras nos seus bonos, que neses casos é de 100 Mbytes/mes, en vez dos 300 Mbytes/mes das tarifas antes mencionadas. Os prezos dos servizos de voz asociados a estas tarifas permanecen inmutables (18,15 céntimos de establecemento de chamada, o que inclúe 20 minutos de voz tras os que se cobrarían 0,6 céntimos/minuto).
A modificación do cadro de tarifas parece buscar satisfacer a un perfil de usuario que fai un elevado uso de datos, en vez de esforzarse en reducir o prezo de entrada como fan outros OMV, que conseguen ofrecer 1 Gb de datos por pouco máis de 7 euros/mes.

PUBLICIDADE