Patricia Argerey visitou a sede de Alén Space, referente en tecnoloxías new space

martes, 17 de agosto do 2021 S. P.

A sede en Nigrán da empresa tecnolóxico-aeroespacial Alén Space recibiu este 17 de agosto a visita de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen puido coñecer de primeira man as punteiras contribucións da firma galega (unha spin-off da Universidade de Vigo xurdida en 2019 co apoio do programa Ignicia, impulsado por GAIN e a Fundación Barrié) ao ámbito do deseño, a fabricación e a operación de pequenos satélites.
A directora da axencia de innovación autonómica tivo ocasión de afondar nos detalles dalgúns proxectos actuais punteiros, como a colaboración de Alén Space coa Universidade de Brasilia para o desenvolvemento de CubeSat 1U –nanosatétile–; con EGATEL e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) para a dixitalización das comunicacións do sector naval a través do proxecto Shipmate; co Instituto de Técnica Aeroespacial (INTA) para o sistema de comunicación intersatelital (ISL) da misión Anser de vixilancia da calidade das augas en encoros e pantanos; e coa Axencia Espacial Indonesia (LAPAN) para a provisión de cargas útiles de comunicacións.
Argerey destacou “o crecemento da empresa”, xa que naceu con 5 traballadores no seu cadro de persoal e, na actualidade, aspira a pechar 2021 con 25 empregados e máis dun millón de euros de facturación. Ademais, a directora de GAIN sinalou que nesta expansión “foi clave a entrada de capital privado”, unha das accións prioritarias realizadas polo equipo promotor do proxecto durante o programa Ignicia, que lle achegou apoios para industrializar a solución de nanosatélites e comezar a actividade comercial.
Segundo lembrou Argerey, Alén Space resultou beneficiaria de máis iniciativas do Goberno galego para impulsar o seu crecemento, por exemplo a través do programa InnovaPeme 2019 (para o desenvolvemento dun plan de innovación da empresa), e o programa ReAcciona, orientado a impulsar a modernización tecnolóxica do tecido empresarial galego, así como a participación na aceleradora ViaGalicia, promovida pola Xunta de Galicia e o Consorcio Zona Franca de Vigo.
Programa Ignicia
Durante a visita, a directora de GAIN quixo salientar tamén “o impacto no mercado galego que ten o programa Ignicia, pioneiro en España e posto en marcha en 2016”. Segundo dixo, as dúas primeiras convocatorias, cun investimento de 7M€, posibilitaron o desenvolvemento de 16 proxectos que involucran a máis de 120 persoas traballadoras. Así mesmo, permitiu a constitución de 8 spin-offs que dan emprego a máis de 50 persoas, e completouse a transferencia dunha licenza á industria. “En total”, engadiu, “9 proxectos xa están finalizados e xerando retornos para a Administración autonómica”.
Arestora está en marcha a terceira edición de Ignicia, na cal resultaron seleccionados sete proxectos que entran agora na fase de elaboración do plan de desenvolvemento e comercialización, como paso previo á formalización do investimento. O orzamento total solicitado por estas iniciativas, que teñen unha duración media de dous anos, ascende a máis de 2,8 millóns de euros, o que implica arredor de 400.000 euros de media por proposta.

PUBLICIDADE