Os teléfonos intelixentes incrementan as súas vendas

martes, 10 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Os teléfonos intelixentes ou smartphones que combinan as prestacións dun teléfono móbil cun PDA están a ter un éxito importante nos últimos meses, de xeito que segundo o último estudio realizado por Gartner terían un incremento nas súas vendas durante o último ano do 75,5% ata chegar ós 37,4 millóns de unidades.
As vendas de PDA continúan a manterse no mercado, cun crecemento do 5,7% que se traduce en 7,4 millóns de unidades no último ano, pero estiman que en breve se verán totalmente eclipsados polos teléfonos intelixentes, pois cada día se difumina máis a diferenza entre ambos produtos (incluso indican que máis da metade dos PDA que se venderon na primeira metade de 2006 tiñan capacidades propias dun teléfono móbil).
A coautora do informe, Roberta Cozza, sostén que os usuarios elixen entre un PDA ou un smartphone segundo o uso principal que lle vaian a dar ó dispositivo, “que se reflicte no deseño” e tamén destacou que nos móbiles o sistema operativo dominante é o Symbian (fortemente apoiado por Nokia) mentres que nos PDA é Microsoft a empresa que está a ter máis implantación.

PUBLICIDADE