Os tablets con Windows 8 reducirán drasticamente o seu prezo nos vindeiros meses

mércores, 17 de abril do 2013 Marcus Fernández

Na actualidade podemos atopar tablets co sistema operativo Android de grande potencia a prezos moi axustados, cumprindo coas previsións da industria de hai uns anos, e agora repiten as predicións aplicándoas aos tablets con Windows 8, que actualmente presenta prezos propios de ordenadores portátiles completos (ou incluso máis caros) o que podería ser historia grazas aos novos procesadores Intel Atom coñecidos como Bay Trail, capaces de dobrar o rendemento dos procesadores Atom actuais á vez que conseguen “unha autonomía para un día enteiro, semanas en espera e dispositivos con deseños de só 8 milímetros de grosor” e, en palabras do director xeral de Intel. Paul Otellini, os seus prezos “chegarán a baixar ata os 200 dólares”.
Os tablets cos novos procesadores de Intel deberían estar presentes no mercado de cara á campaña de Nadal, e teñen como reto desbancar aos tablets con Android que están a inundar o mercado e incluso aos tablets con Windows RT (con procesadores ARM). Paul Otellini tamén espera que en poucos meses poderamos ver ultrabooks baseados nos seus novos procesadores Haswell (que actualmente están a remitir aos fabricantes) con prezos que partan dos 499 dólares, popularizando aínda máis o formato de portátil chamado a substituír tanto a portátiles ordinarios como a ultraportátiles de baixo custo.

PUBLICIDADE