Os retos postpandémicos e o metaverso centran os novos Almorzos Tecnolóxicos de R

luns, 6 de xuño do 2022 S. P.

R vai organizar esta semana unha nova edición das súas Xornadas Tecnolóxicas. Será este xoves 9 de xuño no auditorio compostelán do Museo do Pobo Galego, onde concorrerán profesionais e altos responsábeis de empresas para escoitar expertos de varios sectores TIC e innovadores. Baixo o título O teu futuro decídelo hoxe, apúntate ao efecto dixital ofrecerase unha visión especializada e aberta para descifrar algunhas das claves que marcarán o devir do mundo de agora en diante.
Para comezar, o catedrático emérito da Universidade Ramón Llull, Santiago Niño-Becerra intervirá nas xornadas coa súa charla Un probábel escenario, e ofrecerá a súa visión do panorama socio-económico en que nos atopamos inmersos despois de dous anos de crise sanitaria e económica a nivel mundial. En concreto, Niño-Becerra falará sobre o novo modelo produtivo e de negocio derivado deses acontecementos que nos marcaron; e exporá propostas para “a reinvención das persoas e das empresas que nos permitan adaptarnos e superar os retos dese escenario onde a tecnoloxía xoga e xogará un papel transcendental e indispensábel”, avanzou a operadora R.
O conferenciante ofrecerá a súa visión sobre a economía mundial e abordará temas como a innovación, a fabricación avanzada, a loxística intelixente, a eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a resiliencia, entre outras cuestións.
Roberto Romero, experto tecnólogo e especialista no denominado fenómeno do metaverso, disertará sobre este inminente espazo virtual que, segundo avanza R, “parece chamado a marcar fronteiras temporais no contexto das telecomunicacións”. Romero, quen na actualidade adícase á creación de contido interactivo en medios inmersivos de Realidade Virtual e Aumentada, falará sobre ese futuro universo onde poderemos relacionarnos cos/as clientes/as, e favorecer a venda de produtos reais e virtuais.
Coa súa charla Unha viaxe incríbel: do ciberespazo ao Metaverso, este experto ofrecerá o seu enfoque acerca dalgúns interrogantes. Por exemplo: É o metaverso o futuro? Como se pode orientar ao negocio? Que é e que oportunidades ofrece?
O programa das Xornadas Tecnolóxicas R deste ano completarase, por unha banda, co caso de éxito da empresa Applus +, relatado polo seu responsábel tecnolóxico e de dixitalización, Ramón María Rincón e, finalmente, cunha mesa profesional á que se unirán Niño-Becerra e Roberto Romero.
Este último panel, titulado Os cambios que chegan: está a túa empresa preparada?, contará tamén coas intervencións dos expertos en telecomunicacións Manuel Díaz, CIO de Luckia, Isidro Fernández de la Calle, director de Empresas de R, e Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia. Entre outras cuestións, os expertos debaterán sobre os cambios da orde mundial e tentarán calibrar ata que punto están preparadas as empresas para afrontalos actualmente. Así mesmo, está previsto que repasen estratexias ante este novo panorama e que analicen o impacto real dos fondos e axudas europeas para paliar problemas inherentes á nova conxuntura.

PUBLICIDADE