R escolle A Lomba (Vilagarcía) para probar un sistema de retransmisión de eventos deportivos con 5G

mércores, 14 de febreiro do 2024 S. P.

O Estadio da Lomba, no concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, foi o elixido para aplicar e desenvolver un proxecto piloto baseado na tecnoloxía 5G destinado a gravar e retransmitir en tempo real eventos deportivos (tecnoloxía videostreaming). Así o acordaron o Concello vilagarcián e máis a operadora galega R, que explica que este servizo de última xeración baséase nun sistema de produción automática e remota con capacidades de vídeo en calidade 4K.
Un dos piares do proxecto é o compoñente de Intelixencia Artificial aplicada á emisión automática do evento, que permitirá recibilo a través de múltiples plataformas en Internet sen necesidade de operadores de cámara, tanto en diferido como en directo. Ademais, poderase executar a realización remota, por exemplo, dun partido de fútbol que se xogue nas instalacións do estadio, a través dunha mesa de realización na nube, accesíbel dende calquera lugar e coa posibilidade de xestionala de xeito manual.
A un nivel máis detallado, R explica que un sistema multicámara incluído no piloto facilita tamén o cambio de cámaras simultáneas de forma inmediata, considerando os obxectivos tácticos máis específicos e interesantes para o deporte.
O director de empresas de R, Isidro Fernández de la Calle, explicou que “este proxecto espreme as capacidades da nosa nova rede 5G e dos seus servizos, demostrando que hoxe en día podemos igualar a fibra a través dunha tecnoloxía radio con garantías de alta capacidade, moi baixa latencia e privacidade. Ademais, e como novidade fundamental, a nosa rede 5G e as súas novas funcionalidades poden ser utilizadas de xeito totalmente dixital por parte doutras empresas tecnolóxicas. Queremos que máis e máis socios tecnolóxicos de aplicacións coñezan a nova infraestrutura e as súas posibilidades para crear xuntos servizos innovadores para familias, pemes e grandes empresas”.
Pola súa banda, o presidente da Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía, Carlos Coira, celebrou “que unha empresa como R escollese a cidade para facer esta experiencia piloto, polo que significa de recoñecemento ao labor que desenvolven unha multitude de clubs (en Vilagarcía hai máis de tres mil fichas federativas de distintos deportes) e tamén ao esforzo municipal por contar cada día con máis e mellores instalacións e servizos, nos que podería integrarse o que agora ofrece R, unha vez avaliada a experiencia piloto”.
Tecnoloxía de última xeración para gozar do deporte en tempo real
O piloto (que vén de pórse en marcha) probará con 5G a conectividade de datos deste servizo de última xeración sobre a plataforma Paragon de Singtel, socio tecnolóxico de R, e coa aplicación TiiVii da empresa galega Cinfo.
R explica que a plataforma é “pioneira pola cantidade de capacidades que aglutina aplicadas a redes 5G; entre outras, a de facilitar un control sen precedentes de múltiples aplicacións”. Isto tradúcese
en “rapidez, eficacia e redución de custos operativos e de persoal á hora de ofrecer o servizo de videostreaming que se probará no estadio da Lomba estes meses”. Ademais, o operador galego de telecomunicacións salienta que “cunha soa ferramenta cóbrense os requirimentos tecnolóxicos do sistema en ciberseguridade, innovación presente e futura e 5G optimizado”.
A compañía destaca a maiores que na reprodución do evento non “haberá límite de espectadores, que apreciarán todas estas vantaxes, de xeito simultáneo en varias plataformas se o desexan, cando gocen do deporte en tempo real (ou en diferido) cunha calidade de imaxe excelente, potencialmente enriquecida con melodías, grafismos, locucións ou vídeos enlatados, repetición manual de xogadas do evento deportivo... etc”.
Ademais, o sistema intelixente da plataforma permitirá retransmitir e gravar, por exemplo, competicións e partidos oficiais de fútbol, exhibicións, adestramentos e outros eventos dese tipo que se realicen no estadio de Vilagarcía.
Outra das funcionalidades do sistema é Second Coach (segundo/a adestrador/a) especialmente dirixida a adestradores/as e corpo técnico para mellorar o rendemento deportivo a través de gravacións de rutinas de adestramento e partidos como execución técnica para a súa visualización e análise noutro momento. Seguindo a tónica do proxecto, pódense gravar e visionar adestramentos ou técnicas dende diferentes tiros de cámara, facer avances, retrocesos e zoom no vídeo, ou mesmo marcar puntos de interese para recuperalos e repasalos posteriormente.
“O actual acordo de R co concello de Vilagarcía para empezar as probas deste sistema 5G pioneiro é só o primeiro paso dun servizo de última xeración con moito percorrido, e o seu camiño abre, nesta ocasión á localidade pontevedresa, inxentes posibilidades de innovación tecnolóxica para o aproveitamento de todo tipo de eventos nun futuro inmediato”, explican dende R.

PUBLICIDADE