Os pros e contras do uso das redes sociais na educación quedaron ao descuberto en Vigo

venres, 29 de xuño do 2012 Raquel Noya

O pasado xoves, 28 de xuño, celebrouse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo a Xornada de Innovación Educativa 2012, cuxa sesión inaugural estivo a cargo do xornalista e docente Ernest Sotomayor, un profesional con máis de 35 anos de experiencia como reporteiro e editor en Estados Unidos que expuxo a importancia que acadaron as redes sociais na educación superior, ata o punto de que, segundo afirmou, “o nivel tecnolóxico dunha institución académica é un factor que ata o 88% dos estadounidenses recoñece ter en conta á hora de escoller universidade”.
No seu relatorio, Sotomayor fixo unha aproximación ao uso que se lle está a dar ás redes sociais na contorna docente, afondando nos seus beneficios e prexuízos, e neste senso sinalou a importancia que os social media acadan na actualidade, ata o punto de que entre 23 e 25 millóns de españois empregan con frecuencia as redes sociais, e que dese total “unha das porcentaxes de uso máis elevada corresponde á franxa de idade na que se sitúan os estudantes que están na universidade ou que acaban de rematar os seus estudos superiores”, precisou.
A xornada contou, asemade, coa participación de docentes galegos, españois e portugueses, e serviu como punto de encontro e intercambio de experiencias entres estes e o alumnado, ao tempo que se fomentou a reflexión e a investigación sobre os cambios pedagóxicos que as innovacións educativas están a producir.
Neste senso, Sotomayor afirmou que “o desenvolvemento das habilidades tecnolóxicas é crítica para o futuro”, e indicou que “a formación é o máis importante”, referíndose a que é necesario mellorar a formación tecnolóxica tanto do alumnado como do profesorado, para poñelas á disposición da materia a impartir.

PUBLICIDADE