Os procesadores nVIDIA Tegra 3 revolucionarán os dispositivos con Android

mércores, 9 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Parece que nVIDIA e os seus novos procesadores Tegra 3 van marcar a diferenza nos dispositivos co sistema operativo Android que cheguen nos vindeiros meses (eclipsando aos populares procesadores de Qualcomm), pois achegan unhas vantaxes significativas, que estrearanse en formato tablet no Asus Eee Pad Transformer Prime, pero que tamén está previsto que cheguen aos móbiles a primeiros de 2012. Os novos nVIDIA Tegra 3 asustan cunhas prestacións que superan a moitos ordenadores persoais, cun procesador ARM Cortex A9 de 4 núcleos a 1,3 GHz, capaces de xestionar ata 2 Gb de RAM, con 12 núcleos gráficos capaces de triplicar a rendemento da plataforma nVIDIA Tegra 2, reproducir vídeo en alta definición a 1.080p (cun procesador dedicado, para non comprometer a autonomía), podendo disparar fotografías de ata 32 Mpíxeles, permitindo a estabilización de imaxe para fotografías e vídeos, podendo xestionar 2 pantallas á vez con resolucións de ata 2.048 x 1.536 píxeles e cun consumo moi reducido.

Tegra 3 suporá unha grande mellora gráfica nos videoxogos en dispositivos con Android

Resulta evidente que os procesadores nVIDIA Tegra 3 terán un grande impacto nos xogos, cos mellores gráficos vistos nun dispositivo Android ata o momento, ao que temos que engadir detalles como o seren compatibles con mandos de consolas de videoxogos (PS3, Xbox 360, Wii...), a tecnoloxía nVIDIA 3D Vision (traballando con monitores 3D por HDMI 1.4) e incluso facilitando a conexión dos trebellos con Android a un televisor para traballar como unha consola de videoxogos doméstica.
O rendemento xeral dos procesadores Tegra 3 tamén é notable, chegando a superar a un procesador Intel Core 2 Duo T7200, á vez que achega unha experiencia web superior ao resto de dispositivos móbiles do mercado, con aceleración en contidos baixo Adobe, Flash Player 11, HTML5 e WebGL, así como un magnífico rendemento do seu motor Javascript optimizado para chegar ata a multiplicar por 4 a velocidade dos seus competidores.
Pero un dos factores que máis agradecerán os usuarios é o seu reducido consumo, o que queda evidente no Asus Transformer, xa que o tablet orixinal (con Tegra 2) tiña unha autonomía de 9,5 horas, mentres que o modelo que sairá en decembro (con Tegra 3) chegará ás 12 horas de duración de batería, mellora que tamén esperan aplicar a smartphones, o que é unha das grandes esixencias dos consumidores.


Os procesadores nVIDIA Tegra 3 levarán o desenvolvemento de videoxogos para Android a unha nova xeración

PUBLICIDADE