Os principais operadores móbiles españois serán os primeiros do mundo en adoptar o estándar RCS-e

xoves, 12 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

O RCS-e achegará unha axenda avanzada e chat

Orange, Telefónica e Vodafone veñen de anunciar a dispoñibilidade en España do servizo RCS-e, unha proposta baseada nunha especificación da GSMA que ofrece novas opcións de comunicación multimedia entre clientes dos distintos operadores e con diferentes terminais, que comezará a estar dispoñible nalgúns terminais de telefonía móbil na segunda metade do ano e que algúns describen como o Whatsapp dos operadores.
Entre as vantaxes deste tecnoloxía fronte a outros servizos existentes estaría un contorno máis seguro e fiable, así como a integración nos terminais por parte dos fabricantes (como xa acontece coa voz e as mensaxes de texto). Ao ser unha solución multiplataforma, tamén fará doada a intercomunicación a través de chat, videoconferencia ou mensaxería instantánea entre terminais de distintos fabricantes con independencia da rede ou o país no que operen.
Os principais servizos de RCS-e son a axenda avanzada (na axenda de contactos destacarase de xeito automático os números cos que podemos comunicarnos con esta tecnoloxía), o chat (para establecer comunicacións persoais ou en grupo, podendo tamén transferir contidos multimedia) e as chamadas enriquecidas (para compartir imaxes ou vídeo en directo durante unha chamada de voz ou un chat).

PUBLICIDADE