Os operadores alternativos a Movistar superan o millón de liñas de fibra óptica

venres, 8 de abril do 2016 Marcus Fernández

Reparto da banda larga por tecnoloxía no mes de febreiro

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia publicou hoxe os datos relativos ao sector das telecomunicacións do mes de febreiro, dos que podemos extraer información moi interesante, como o feito de que as liñas de fibra óptica até o fogar (FTTH) continúan a medrar con grande forza até chegar aos 3,4 millóns, pero co detalle de que os operadores distintos de Movistar supera por primeira vez o millón de liñas, de xeito que terían o 30,7% do mercado, o que indica unha mellora da competencia que espérase que repercuta en beneficio dos usuarios.
Destaca o feito de que Movistar perdeu preto de dúas mil liñas de banda larga, mentres que Orange captaría 14.802 liñas e Vodafone lideraría as ganancias con 21.368 liñas. Pese ao pulo de Vodafone, o operador mantén o seu terceiro posto en cota de mercado (co 22,66%) mentres que Orange mantén a segunda posición (co 28,61%) e Movistar mantén un firme dominio (co 43,76), aínda que moi lonxe dos anos nos que era o operador empregado pola maioría absoluta dos españois.

Evolución neta do número de liñas móbiles no mes de febreiro

No que respecta ao mercado móbil, experimentouse un descenso en febreiro de 60.742 liñas, de xeito que o crecemento dos contratos (84.525) non compensou a caída do prepagamento (145.267), de xeito que febreiro rematou con 50.637.147 liñas móbiles, o que continúa a superar ao número de habitantes do Estado. A compañía que máis caeu no móbil é, como vén a ser habitual, Movistar, pero desta volta pode sorprender ver como os resultados de Yoigo continúan a ser moi inestables, e desta volta perde 30.882 liñas móbiles, cando o mes pasado gañara 7.159 liñas, dando a impresión de que as promocións puntuais teñen un claro resultado nos seus resultados, mentres que Vodafone e Orange medran mes tras mes.

PUBLICIDADE