Os novos sintonizadores de TDT de Blusens permiten a gravación de contidos

martes, 23 de xuño do 2009 Raquel Noya

A multinacional tecnolóxica galega, Blusens, ante a proximidade do apagamento analóxico e a fin de evitar que nos colla o toro da TDT sen sintonizadores axeitados nos nosos fogares, vén de presentar a súa nova gama destes aparellos cos novos modelos, T.9-R, T.15-S e T.120-S; todos eles con función PVR incluída e compatibles con formato MPEG4.
Dado que o vindeiro día 30 de xuño producirase o primeiro gran cese de emisións analóxicas no noso país, Blusens optou por poñer a disposición dos seus clientes unha ampla gama de sintonizadores TDT, cun óptimo rendemento en zonas de pouca cobertura, garantindo a calidade do sinal incluso en situacións de funcionamento prolongado.
Asemade, estes dispositivos inclúen novas funcións como a posibilidade de gravar contidos da TDT a través do PVR e guía de programación electrónica (EPG), así como Teletexto e control parental para bloquear o acceso a determinadas canles.
Estes sintonizadores TDT Blusens estarán dispoñibles no mercado a mediados do vindeiro mes de xullo, por un prezo que vai entre os 39,90 e os 54,90 euros, dependendo do modelo adquirido.

PUBLICIDADE