Os internautas “desvelaron” o nome da nena dos Príncipes de Asturias antes de que fose oficial

luns, 30 de abril do 2007 Raquel Noya

Cada día que pasa, acadamos máis probas que evidencian (ou, polo menos que proban dalgunha maneira) a supremacía de Internet como plataforma de comunicación. Cando un videoxogo sae ó mercado, anúnciase na Rede denantes ca en ningún outro sitio. Se un grupo musical vai a unha cidade, son os seareiros do mesmo os encargados de facelo público nos seus blogs adiantándose a calquera xornalista á procura de saber que se coce para as festas patronais. Cando unha nova é importante, ten que ter moita relevancia para que unha canle de televisión emita un programa especial fóra de horario, situación moito máis complicada cando falamos dun xornal, pois teremos que agardar até o día seguinte para coñecer de primeira man a información que queremos.
Isto non sucede en Internet, onde as novas penduradas son case simultáneas ós feitos acaecidos e ás veces logran adiantarse. Tal foi o caso do nome da segunda filla dos Príncipes de Asturias, xa que, mesmo antes de que o feliz pai anunciara o nacemento, varios expertos en enderezos de Internet tiñan detectada a adquisición dos dominios “sofíadeborbon.com.es”, “sofiadeborbon.net” e “sofiadeborbon.nom.es”, o que facía presaxiar que a infanta acabada de nacer levaría o nome da súa avoa paterna, a Raíña Sofía (aínda que o servizo de rexistro non ofrecía datos actualizados sobre a súa titularidade). Un destes expertos foi Francisco Santibáñez, da páxina Blogdominios, que facía saltar as alarmas antes das sete da tarde, cando don Felipe aínda non comparecera ante os medios para comunicar o nome da súa segunda filla.
Segundo apunta elpais.com, a normativa que regula o rexistro de dominios “.es” establece a reserva dun grupo de enderezos que empregan este sufixo, que só poderán ser empregadas polos determinados organismos e institucións constitucionais, entre os que está a Casa Real. Entre eses dominios atópanse “infantadeespana.es”, “infanta-deespana.es”, “infantade-espana.es”, “infanta-de-espana.es”, “infantaleonor.es” ou “infanta-leonor.es”.

PUBLICIDADE