Os galegos son os que menos falan polo móbil do Estado español

mércores, 7 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Se cadra porque apostamos por dicilas cousas ao estilo tradicional e que nada se perda polo camiño, se cadra porque falamos o xusto, o caso é que segundo un novo estudo de Másmovil, as galegas e os galegos somos os que menos falamos polo teléfono móbil de todo o conxunto do Estado español. Máis polo miúdo, índice a dita empresa operadora, destinamos unha hora e dez minutos de media ao mes para facer chamadas, unha taxa que está por debaixo da de calquera outra comunidade. O informe recente, desenvolvido entre os usuarios de Másmovil (firma de telefonía de baixo prezo), bota por terra tópicos coma a crenza xeneralizada de que as mulleres empregan máis o trebello tecnolóxico cós homes. A tenor do que se conta no estudo, os varóns galegos falan polo móbil tres minutos máis de media ao longo dun mes (72 minutos eles e 69 elas).
Estas cifras de consumo sitúan á sociedade do noso país 13 minutos por debaixo da media estatal, e, como caso particular, 46 minutos menos cá medida da Comunidade de Madrid, a xuízo dos autores da investigación “a máis enganchada ao móbil”.
Os homes tamén van alén das mulleres no que se refire a emprego do terminal para enviar mensaxes de texto (SMS) co fin de establecer comunicación cos seus contactos: até 26 mensaxes ao mes fronte aos 18 das mulleres. “En conxunto”, sinálase, “os galegos fan un consumo moderado do servizo de mensaxeiría, con 22 ao mes, un punto máis por riba da media española”.

PUBLICIDADE