Os encontros virtuais da USC co seu futuro alumnado superaron as 20.000 visitas

luns, 13 de abril do 2020 S. P.

Un participante nos encontros virtuais da USC nunha imaxe de Santi Alvite

A iniciativa tecnolóxica para salvar os atrancos do peche ao público das portas da USC e poder, malia o Estado de Alarma, presentar os estudos da Universidade de Santiago ante o futuro alumnado saldouse cun notábel éxito de participación. Segundo informa a institución os encontros virtuais coas vindeiras alumnas e alumnos de ensino medio rexistraron preto de 20.000 visitas durante as dúas primeiras xornadas, o 6 e o 7 de abril no pioneiro espazo web especificamente habilitado pola USC para “sortear a actual situación de confinamento”.
O número de visitas ás ligazóns específicas dos centros emprazados en Santiago sitúase arredor das 12.500 nestas dúas xornadas, unha cifra á que se suma as máis de 3.000 no caso do Campus de Lugo. A estas estatísticas cómpre engadir máis de 2.700 accesos a outros servizos xerais da USC, tales como Cultura, Deportes, Participación e Integración Universitaria, Servizo de Residencias, Orientación Laboral, Normalización Lingüística...
Por certo que amais de amosar a grella de títulos e grao impartidos pola USC nas distintas facultades e escolas universitarias, a bitácora virtual da Universidade de Santiago, actúa como escaparate no que as persoas usuarias poden, en palabras da Universidade, “coñecer de primeira man outra información universitaria de interese relativa a instalacións, equipamentos científicos e tecnolóxicos e demais servizos que a USC pon a disposición da comunidade universitaria e do conxunto da sociedade”.
A alta participación rexistrada nestes encontros proba que “a USC esperta un gran interese na sociedade na que se asenta”, afirma Celso Rodríguez, coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, quen tamén fixo fincapé nas múltiples posibilidades de interactividade que ofrece esta nova forma ideada pola USC para achegarse ao alumnado de ensino medio. De feito, unha vez dentro da web dos encontros virtuais na Zona USC, as persoas usuarias tiveron a oportunidade de participar en obradoiros, videoconferencias específicas para cada título, chats, concursos, foros con estudantes universitarios e retos científicos deseñados para orientar a súa aterraxe universitaria. A mocidade preuniversitaria puido facer uso destas prestacións a demanda, en función das quendas horarias establecidas polos docentes de cada titulación que teñen encomendada a tarefa de interactuar e dar resposta ás cuestións e consultas formuladas polos usuarios interesados.

PUBLICIDADE