Os dispositivos Android sitúanse a rentes do 70% en Europa

luns, 27 de xaneiro do 2014 Redacción

Os aparellos móbiles con Android suman e seguen. Tal e como sinalamos hoxe con motivo da nova actividade formativa da empresa galega Barrán, unha actividade centrada en Android e nas posibilidades que achega para o desenvolvemento de aplicacións, o sistema de Google cómelle terreo aos seus competidores dun xeito que non semella dar moita marxe. Nin para un cambio nin para un tirapuxa de igual a igual. De feito, segundo un estudo presentado estes días por Kantar Worldpanel, os smartphones Android andan a rentes do 70% en países europeos como Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e España.
Máis polo miúdo, indícase que no último trimestre do ano, o 68,6% dos móbiles vendidos con Android neses cinco países europeos acadaron o 68,6%, os iOS de Apple o 18,5% e Windows Phone o 10,3%. Porén, este medre do sistema de Google non é exclusivo da nosa contorna. De feito, é cousa común. No estudo sinálase que é aplicábel aos doce mercados principais do mundo. A cousa xa non é tan favorábel para Google en Estados Unidos, onde o 43,9% dos dispositivos ten o toque Apple. Así, Windows Phone medra con dobre díxito (pero non grazas a Nokia cuxos móbiles non pasan do 3% en Europa), mentres segue caendo en China, Estados Unidos e Latinoamérica.
Se falamos de marcas, Samsung acadou o seu pico de vendas, xa que en Europa caeu uns 2,2 puntos no último trimestre, até ter o 40,3% mentres que en China non houbo cambios, segue coa súa posición do 23,7%. En canto ao consumidor, os anglosaxóns prefiren os iPhone, mentres que asiáticos e latinos se decantan polo Android. No caso de España, cómpre dicir que é o país con maior proporción mundial de móbiles Android (mesmo por enriba de China) cun 86,2% dos aparellos vendidos no último trimestre do ano. Os aparellos Blackberry só foron o 0,2% do total, os iOS o 6,7% e os Windows un 5,6%. En Latinoamérica -onde Kantar toma datos de Brasil, Arxentina e México- Android tivo o 83,5% das vendas, Windows o 4,9%, iOS o 4,3% e Blackberry o 2,8%.
Malia a forte pegada de Apple nos Estados Unidos, nun ano perdeu cinco puntos (de 49,7% ao 43,9%), mentres que os Android gañaron catro, até ter por primeira vez a maioría do mercado (50,6%). O sistema Windows é terceiro co 4,3% e Blackberry fica cun 0,4%.

PUBLICIDADE