Os discos duros WD My Book World Edition non permiten compartir a través da Internet contidos multimedia

luns, 10 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Western Digital revolucionou o concepto de discos externos cos seus modelos My Book World Edition, que en vez de conectarse a través de interfaces USB, FireWire ou eSATA inclúen só un conector para redes de cable de entre 10 Mbps e 1 Gbps, o que fai que se poidan empregar na rede local doméstica ou corporativa por parte de calquera equipo conectado, permitindo que os ficheiros almacenados no disco duro estean dispoñibles a través da Internet mediante o servizo WD Anywhere. Pero este sistema de almacenamento en rede non está carente de polémica, pois o sistema de acceso de ficheiros a través da Internet ten unha listaxe de extensións de ficheiros que non permite compartir con outros usuarios (para evitar conflitos coma os que xeran as redes P2P) polo que as películas en .AVI e as cancións en .MP3 non se poderán compartir con outros usuarios, o que sorprendeu a moitos usuarios destes discos duros de entre 500 Gb e 1 Tb que se están a vender con bastante éxito dado que abren a posibilidade de acceder ós ficheiros almacenados nos mesmos dende calquera lugar, resultando tamén moi atractivos para gardar contidos que se vaian a usar dende distintos equipos.
De tódolos xeitos, existen solucións para acceder a calquera tipo de ficheiro sen empregar a solucións subministrada polo fabricante, polo que o polémico bloqueo de contidos multimedia podería ter pouca importancia para moitos usuarios.

PUBLICIDADE