Os altos directivos aproveitan as TIC para facer negocios co pixama posto

xoves, 9 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Executivo participando nunha videoconferencia co pantalón do pixama posto

Avaya realizou unha enquisa entre 2.259 xestores de alto nivel para coñecer o seu uso dos teléfonos intelixentes e PDA sorprendéndose ó atopar comportamentos realmente curiosos, como que entre os conselleiros delegados e propietarios das compañías é moi habitual que traballen en bata nun contorno tranquilo, de aí que prefiran as conferencias de audio ás de vídeo. O 44% dos conselleiros delegados aseguraron non gustar das videoconferencias pois moitas veces fan negocios co pixama posto, porcentaxe que se reduce a un 9% no caso de xestores de nivel inferior.
As novas posibilidades das TIC permite crear unhas comunicacións unificadas, o que fai posible que un directivo atenda unha chamada telefónica á súa oficina dende o seu fogar, de xeito que lles permite unha vida máis cómoda e relaxada.
Segundo parece, o uso de smartphones axiliza as comunicacións, de xeito que é moito máis probable que os seus usuarios os empreguen en situacións nas que non estarían presentables para unha videoconferencia (no cuarto de baño, na cama...), recoñecendo o 51% que teñen atendido a teleconferencias en bata (ou espidos) mentres que resulta aínda máis elevada a porcentaxe (o 63%) de persoas que aproveita xuntanzas para seguir en contacto con outras persoas mediante mensaxes ou correo electrónico.

PUBLICIDADE