Os Walkman orixinais preparan o seu adeus

luns, 25 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Moitas tecnoloxías ligadas aos soportes físicos están a dicir paulatinamente adeus, e ao igual que o ano pasado Sony anunciou que finalmente deixaba de fabricar disqueteiras para equipos informáticos, agora dille adeus aos Walkman orixinais, os reprodutores portátiles de cintas de casete, confirmando que a última remesa mandouse en abril, e que unha vez rematadas as existencias actuais, o produto desaparecerá do catálogo de Sony.
Son xa máis de 30 anos os que ten este tipo de dispositivo que na súa vida chegaría a superar os 200 millóns de unidades vendidas, aínda que nos últimos anos non foi quen de manterse ante os seus competidores (inicialmente o Discman, e logo os reprodutores de MP3).
Aínda que as vendas niponas dos Walkman cesan no Xapón, aínda será posible conseguir unidades fabricadas en China en distintos países, polo que aínda non podemos asinar o certificado de defunción do Walkman, marca que tamén continúa moi viva grazas á súa reciclaxe en reprodutores multimedia e teléfonos móbiles.

PUBLICIDADE