Os Walkman de Sony superan aos iPod no Xapón

venres, 4 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Un informe elaborado por BCN sorprende ao desvelar que na última semana de agosto Sony vendeu máis reprodutores multimedia que Apple no Xapón, superando a marca Walkman aos iPod, aínda que cunha estreita diferenza.
Os Walkman de Sony conseguiron facerse co 43% das vendas de reprodutores multimedia portátiles, mentres que os iPod de Apple quedaron co 42,1%, no que sería a primeira ocasión na que superan en cota de mercado ao iPod dende xaneiro de 2005 (aínda que habería que precisar que o iPhone queda fóra destas contas, por ser un teléfono).
De todos os xeitos non resulta extraordinario que os produtos de fabricación nipona teñan máis éxito no Xapón que os importados, coma podemos ver claramente no caso das consolas de videoxogos, coa Xbox 360 arrasando en vendas nos EE.UU. mentres que no mercado asiático é insignificante (mentres que a PS3 acada un volume de vendas moi superior ao occidental).

PUBLICIDADE