Os Beats Solo 4 reproducen audio de alta resolución sen perda

martes, 30 de abril do 2024 Marcus Fernández

Os auriculares de diadema Solo de Beats renóvanse, e nos vindeiros días poderanse adquirir por 229,95 euros os Beats Solo 4 en cor negra, azul e rosa, que ofrecen audio espacial con seguimento dinámico de cabeza, até 50 horas de autonomía, compatibilidade con iOS e Android e, moi especialmente, audio sen perda grazas ao cable USB-C ou ao cable de audio de 3,5 milímetros (característica que non ofrecen os AirPods Max pese a venderse por 579 euros).
Estes novos auriculares contan cuns transdutores de 40 milímetros fabricados a medida que prometen reducir ao mínimo os artefactos electrónicos, a latencia e a distorsión, para conseguir unha claridade e un alcance extraordinarios. Achegan unha experiencia de audio espacial envolvente equiparable a ter 64 altofalantes ao redor ao mesmo tempo.
Tamén podemos salientar que os Beats Solo 4 pesan 217 gramos (moito menos que os 384,8 gramos dos AirPods Max), teñen almofadas UltraPlush cun tacto suave e lixeiro, e coa posibilidade de encartarse para facilitar o seu transporte durante as viaxes.
Un produto que encaixa perfectamente entre os incondicionais da marca Beats, e que conta coa vantaxe de levarse ben cos produtos de Apple, pero ser compatible con practicamente calquera dispositivo que facilite a reprodución musical que hai no mercado (tanto por cable como sen fíos).

Vídeo promocional dos Beats Solo 4

PUBLICIDADE