Orange podería ser a operadora que leve o iPhone a Francia

venres, 17 de agosto do 2007 Marcus Fernández

O iPhone non para de dar que falar no verán, e os rumores da súa comercialización en Europa parecen concretarse en realidades e desmentidos, de xeito que parece confirmado que a finais de setembro os franceses poderían ver chegar ó móbil de Apple co operador Orange, o que se podería anunciar entre os días 25 e 29 de setembro durante a celebración da Apple Expo en París.
Por outra banda, tamén se desminte a comercialización do iPhone no Reino Unido por parte de Vodafone, de xeito que a tenda que anunciaba venderían o dispositivo a 99,99 libras esterlinas (cunha permanencia dun ano nun contrato con consumo mínimo de 35 libras/mes) recoñeceu o seu erro, xa que nun principio o terminal que venderán será o LG Prada, no que se tratou dunha confusión que algúns non dubidan de afirmar que se tratou dunha estratexia comercial para achegar a atención sobre a tenda (aproveitando a atención suscitada polo iPhone).
Agora ben, os prezos anunciados pola tenda en liña británica causaron moito rebumbio, de xeito que de ser tan atractivos poderían facer que os consumidores esquezan certas deficiencias do móbil de Apple e se lanzasen á súa compra.

Novos servizos

Xa se pode usar Facebook no iPhone

O que está claro é que as dúbidas sobre a comercialización europea do iPhone non frea as novidades para os usuarios norteamericanos, de xeito que moitas webs están a adaptarse para que os seus servizos se poidan utilizar correctamente dende o terminal telefónico de Apple, e así a editorial HarperCollins xa permite botar unha ollada ós seus últimos libros dende o iPhone, mentres que os populares Netvibes e Facebook tamén veñen de adaptarse para a súa correcta visualización no iPhone.
Así, Netvibes, un sistema de personalización de páxinas de inicio para usuarios de Internet (na que se poden engadir fluxos RSS e outros widgets moi interesantes que van dende o prognóstico do tempo ata avances das nosas series de televisión favoritas) modifica a súa aparencia no iPhone amosando unha única columna na que colocar os seus contidos, mentres que o servizo de Facebook tivo que facer cambios moi importantes no xeito de reproducirse dentro do navegador do teléfono para non provocar fallos no seu funcionamento. Facebook xa contaba cunha versión móbil, pero o que teñen estas dúas últimas adaptación para o iPhone é que se poderían converter en heraldos dunha tendencia na que moitas webs se preparen para o móbil de Apple antes que os seus competidores, para gañar así o favor dos usuarios do desexado teléfono.

PUBLICIDADE