OQO podería estar a piques de desaparecer

martes, 14 de abril do 2009 Marcus Fernández

Os equipos de OQO, con pantallas de só 5 polgadas e un teclado pensado para usar cos polgares gozaban de grande potencia, aínda que a un elevado prezo

O fabricante dos innovadores e populares ultraportátiles OQO podería estar a pasar serios apuros económicos, de xeito que se rumorea non só que a compañía está á venda, senón que tendas coma eXpansys decidiron retirar da súa páxina web o OQO Model 2+ «ante as incertezas sobre a dispoñibilidade de stock», polo que poderiamos estar ante o último equipo deste fabricante que foi dos primeiros en facer un ordenador de reducidas dimensións coas prestacións dun portátil ordinario, xa que incluso era capaz de correr o sistema operativo Windows Vista nos seus modelos de 2007.
Nos últimos meses incluso os OQO fixeron aparicións en series de televisión coma Lie to Me e Jericho, o que non parece ser suficiente para manter no mercado un equipo que co tamaño dun MID achega a potencia dun portátil, aínda que o seu elevado prezo podería ser todo un atranco para o seu éxito nun momento no que os ultraportátiles de baixo custo están en pleno apoxeo.

PUBLICIDADE