O uso de móbiles para acceder ás redes sociais dispárase en España

martes, 10 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

En España a Rede non acaba de atopar total afianzamento (en boa medida por motivos estruturais, polo seu excesivo custo con respecto ao resto de Europa e tamén polo propio xeito de vida dos seus habitantes) pero non ocorre o mesmo cos móbiles. A xulgar polos diversos estudos publicados ao respecto, non só se mercan moitos móbiles senón que, os que se mercan, aprovéitanse até na súa máis recóndita función.
Segundo unha investigación de Nielsen Mobile, o país xa é líder en Europa dun ranking que probablemente lles vai ter sen coidado a todos aqueles que non teñen implicación directa cunha operadora, cun fabricante ou cos responsables dunha comunidade en liña: é primeira no emprego de redes sociais nos móbiles.
Na investigación, realizada en España, Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido e Estados Unidos, tamén hai datos a nivel xeral sobre o acceso a redes sociais a través do dito aparello: arredor de un usuario de cada tres xa está inscrito en un ou máis servizos de comunidade co fin de empregar o terminal para acceder á súa propia conta e ver e enviar mensaxes, imaxes ou engadir amizades.
De todos os países enquisados, España vai en cabeza cun 50% de porcentaxe de uso do móbil para acceder a redes como Facebook ou MySpace.com (a de maior presenza en EE UU), estando a taxa máis baixa en Alemaña cun 15%. A xuízo dos responsables da investigación, esta deixa ás claras a seguinte realidade a curto e medio prazo: estamos a piques de entrar nun ciclo novo a mundial no eido das telecomunicacións, cunha Sociedade da Información con cada vez máis portas e menos atrancos e con dispositivos especialmente deseñados para unha serie de funcións onde facer unha simple chamada xa non é –de todas elas- o máis importante.

PUBLICIDADE