O telecentro de Oroso recibe a Papá Noel por videoconferencia

martes, 15 de decembro do 2009 Raquel Noya

O telecentro de comunicación de Oroso, na provincia da Coruña, vén de adiantarse ao Nadal e acaba de sorprender aos veciños do lugar (sobre todo aos máis cativos) cunha visita de Papá Noel a través de videoconferencia.
Como non podía ser doutra maneira, o Centro Multimedia de Galicia está a aproveitar estas datas para brindar aos nenos desta e doutras localidades a oportunidade de manter unha videoconferencia con Papá Noel na que poidan pedirlle os seus xoguetes favoritos e que cheguen a tempo para xogar con eles nas vacacións de Nadal.
Dende Laponia e en tempo real, Papá Noel atendeu en directo as preguntas e demandas de todos os nenos e nenas que se achegaron para falar con el ao telecentro de comunicación do concello. Trátase dunha iniciativa máis da campaña Comunícate coa que o Centro Multimedia de Galicia pretende dar a coñecer todas as posibilidades que ofrecen os telecentros de comunicación, tamén nestas datas.
A través desta campaña preténdese converter os telecentros de comunicación en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego.

PUBLICIDADE