O servizo galego Trocobank consegue superar a liña das 1.000 empresas participantes

mércores, 28 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Trocobank, servizo galego para achegar crédito empresarial a través das canles máis innovadoras, vén de facer balance do acadado dende a súa posta en marcha a nivel internacional e cen por cen operativo, co comezo deste mes de marzo. Segundo nos contan dende Vigiliam, a rede empresarial galega responsábel deste novo acubillo de financiamento xa conta ao seu abeiro con máis de 1.000 empresas (autónomos e PEME) beneficiándose das súas vantaxes, 140 das cales teñen o seu emprazamento na nosa terra. Amais de por estas cifras, Trocobank tamén é novidade por un novo recurso posto en xogo: a entrada en escena dos emprendedores para axudarlles, dende o servizo de crédito, a que comecen a súa aventura no mercado, sinalan dende Vigiliam.
O obxectivo desta rede ao pór en marcha unha canle de crédito como esta foi o de achegar algo novo que botase un pouco de aire fresco nun panorama, o do subministro de incentivos para crear ou consolidar unha empresa, que polas razóns que sexan segue a ter os mesmos modelos cós empregados antes da crise. Polo tanto, tanto a forma como o contido tiña que cambiar. “O noso sistema”, explican, “xorde para axudarlles aos empresarios a manter a súa actividade económica e superar os problemas de financiamento, convertendo os activos correntes das empresas en instrumentos financeiros”. Arestora, na súa cuarta semana de operatividade, Trocobank conta xa coa participación de 1.088 empresas de toda España, das que 140 son galegas.
O obxectivo, a maiores, é que Trocobank actúe como un sistema financeiro “igualitario, solidario e transparente, concedendo créditos iniciais ás empresas que os precisen para desenvolver o seu labor ao abeiro do sistema”. O financiamento inicial é de 6.000 euros para os autónomos e de 10.000 para as empresas, sendo contías suxeitas a medre, é dicir, que se irán incrementando a medida que se realizan máis vendas. “O empresario que realice operacións no seo de Trocobank conseguirá financiamento, clientes e aforro, ao devolver o crédito a través de activos correntes, o que suporá un pulo á súa actividade empresarial”, infórmase. O funcionamento, segundo se nos conta, é ben sinxelo, semellante ao de calquera mercado: hai compradores e vendedores que levan a cabo pedidos e vendas, e, polo tanto, un fluxo continuo de transaccións comerciais. O rexistro no servizo é de balde, a través da páxina, e non se precisan cartos en efectivo para operar.
Nestes intres, o crédito total co que conta o sistema é de máis de 7,8 millóns de euros, cifra que se amplía cada día ao medida que medra o número de empresas que participan. Trocobank funciona neste eido como “cámara de compensación”, sendo responsábel de organizar aos usuarios e de facer que se cumpran as condicións de participación.

PUBLICIDADE