O salto do cobre á fibra óptica está a deixar poboacións galegas atrás

mércores, 24 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que a transición das redes telefónicas baseadas en par de cobra a fibra óptica até o fogar supoña unha grande mellora tecnolóxica, a promesa da fibra óptica non se cumprirá para toda a poboación e algúns usuarios veranse prexudicados, xa que o peche das vellas centrais de telefonía fixa e ADSL pode deixar sen servizo a fogares e negocios aos que non chega a rede de fibra óptica, o que están a denunciar actualmente dende Folgoso do Courel.
O cámping de O Courel é un dos negocios que estaría en serio risco, xa que está previsto que o vindeiro día 26 Movistar deixe de ofrecerlles o servizo de telefonía fixa tras levar a súa fibra óptica a Seoane. Comentan que a rede de fibra está a 800 metros do establecemento, e a compañía só realiza conexións a un máximo de 400 metros. Aseguran que Movistar ofreceu como alternativa conexión de radio, pero sería inviable dado que o cámping está rodeado de montañas e nin sequera recibe os sinais de radio e televisión, polo que a fibra óptica sería a única solución que lles garantiría operatividade de telefonía fixa e Internet.
A preocupación do cámping compártena dende o Concello e dende a Asociación Serra do Courel, que coinciden na inviabilidade das solucións propostas por Movistar, polo que cualifican de «inadmisible» que Movistar deixe de ofrecer servizos de telefonía fixa o vindeiro día 26.
Actualmente gozar de liñas de fibra óptica en Folgoso e Seoane, pero moitos outros núcleos de poboación do concello carecen de tal infraestrutura, e nin as solucións de radio e satélite resultan óptimas dada a complexa orografía da zona.

Algunhas vilas non migrarán de tecnoloxía

Este conflito coincide cunha solicitude de Telefónica á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) na que, tras constatar que en moitos territorios a migración á fibra óptica resulta inviable e as tecnoloxías alternativas non ofrecen cobertura dabondo, solicitan adiar o peche dun total de 73 centrais de cobre, que no caso de Galicia corresponderían a Pereira (Ourense), Lucenza, Amira (Muros), Congostro e Nigueiroa, sorprendendo que na solicitude non inclúan poboacións como Folgoso do Courel.

PUBLICIDADE