O número de liñas telefónicas en España seguiu caendo no mes de marzo

martes, 21 de maio do 2013 Marcus Fernández

Ganancia neta de liñas móbiles no mes de marzo (en milleiros)

A Comisión do Mercado da Telecomunicacións (CMT) publicou hoxe a súa nota mensual relativa ao mes de marzo (dispoñible en formato PDF), na que fan balance do sector das telecomunicacións en España, continuando a rexistrar unha forte caída no número de liñas móbiles (312.675) provocada principalmente polo descenso de liñas de prepagamento e correspondendo principalmente a Movistar e Vodafone (mentres que os Operadores Móbiles Virtuais continúan a gañar peso). Estes datos tamén amosan que as portabilidades móbiles non perden pulo, e durante o primeiro trimestre do ano máis de 1,8 millóns de clientes cambiaron de compañía.
Mentres os móbil continúan a caer, no que parece consecuencia da conxuntura económica e da saturación do mercado, a banda larga mantén o seu crecemento pausado pero seguro, chegando a 11,72 millóns de liñas no Estado (25,4 liñas por cada 100 habitantes). No mes de marzo as liñas de banda larga medrarían en 43.114, mantendo a súa tendencia positiva e correspondendo a ganancia de liñas a operadores alternativos. Das novas liñas, o 39% correspondeu a conexións de fibra óptica ata o fogar.
A telefonía fixa tamén continúan en decadencia, con 33.940 liñas menos no mes de marzo, das que o 94% corresponderon a negocios. Neste tipo de liñas tamén continúan a medrar as portabilidades, con 157.767 no mes de marzo (un 7,6% máis que o ano anterior).

PUBLICIDADE