O iPad 3 podería presentarse o 7 de marzo

martes, 28 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe distintos medios norteamericanos recibiron unha invitación para asistir o vindeiro día 7 de marzo ao Centro de Artes de Yerba Buena (San Francisco) a unha presentación de Apple ás 10:00 horas (19:00 horas en España) dando pé a unha chea de comentarios sobre o que alí vai anunciarse finalmente, xa que, aparte do agardado sucesor do iPad 2, algunhas fontes están a apuntar á presentación dun novo Apple TV (que actualmente non é capaz de superar a reprodución de vídeo a 720p, pedindo a berros unha versión Full HD) ou mesmo dun televisor de Apple, aproveitando a atención que captaría a presentación do novo tablet da compañía da mazá.
Sobre o iPad 3 (nome aínda lonxe de estar confirmado) hai xa varios detalles que parecen traducirse da propia invitación de Apple ao evento, como sería que a súa pantalla sería de alta definición (todo apunta a que dobrará a resolución actual) e incluso hai quen espera a desaparición do botón Home do tablet. Tamén están nas quinielas a incorporación dun procesador de dobre núcleo A5X, o dobre de memoria RAM que o iPad 2 (chegando a 1 Gb), conectividade LTE (ou sexa, que teriamos un modelo 4G en vez dun modelo 3G), melloras substanciais nas súas cámaras (en boa medida para adaptarse ás melloras da vídeo conferencia nos equipos de Apple), o uso de Siri (que foi un dos principais reclamos do iPhone 4S nos EE.UU.) e altofalantes estéreo (carencia do iPad superada pola meirande parte dos tablets con Android). É posible que o tablet tamén modifique o seu grosor lixeiramente, o que podería indicar un cambio nas súas fundas, como tamén ocorreu co lanzamento do iPad 2, e algúns rumores apuntan a que o dispositivo podería ter un prezo superior ao do iPad 2 hai 1 ano por mor do elevado prezo da súa nova pantalla.
Pero, coméntese o que se comente, haberá que agardar ao día 7 para saír de dúbidas.

PUBLICIDADE