O iPad 2 sae á venda en España

venres, 25 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Un par de semanas despois da estrea norteamericana, o iPad 2 de Apple chega a España lucindo menos peso e máis delgadeza que o seu predecesor, á vez que mellora a súa potencia, integra cámaras e mantén a súa excelente autonomía, e todo iso sen apenas modificar o seu prezo, o que ten como consecuencia unha rebaixa de 100 euros para o iPad orixinal. O iPad 2 parte de 479 euros do modelo con Wi-Fi e 16 Gb de almacenamento interno que incremente en chanzos de 100 euros para os modelos con 32 e 64 Gb de capacidade, mentres que se optamos polos modelos que tamén incorporan 3G, os prezos increméntanse en 120 euros.
Para este últimos modelos as principais operadoras de telefonía móbil xa contan con tarifas de datos especiais que no caso de Movistar destacan por poder compartirse coa tarifa plana do iPhone ou contratarse por 17,70 euros/mes, con Vodafone parte de 17,40 euros/mes e Orange permite pagar 3,50 por día de uso ou facerse con bonos mensuais sen límete de transferencia de 35 euros. O OMV Simyo tamén conta con tarifas pensadas para o seu uso no iPad.
Aínda que nalgunhas tendas españolas de Apple en Madrid e Barcelona puido vivirse toda unha festa co lanzamento do iPad 2 (con colas nas que era posible reservar o trebello a adquirir a partir das 5 da tarde), parece evidente que xa non é unha novidade como o primeiro tablet de Apple, e desta volta non hai os problemas de abastecemento que facían moi difícil mercar o iPad nos seus 2 primeiros meses nas tendas, o que muda totalmente a percepción que temos do novo dispositivo que forzou a Samsung a redeseñar o seu GALAXY Tab 10.1 antes do seu lanzamento.
Un dos detalles máis curioso do iPad 2 é que está dispoñible en negro e branco, polo que nun primeiro momento parece existir unha demanda máis elevada do modelo branco, por ser a novidade e distinguirse mellor do seu predecesor, como tamén aconteceu co iPhone no seu día.

PUBLICIDADE