O centro galego IMEDIR achega tecnoloxía para permitir a vida TIC de persoas con diversidade funcional

venres, 1 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

A Universidade de Coruña segue dar mostras de estar na vangarda da investigación en e-Saúde, é dicir, no desenvolvemento e aproveitamento de novas tecnoloxías de información para mellorar, en calquera das súas manifestacións e tipoloxías, a atención sanitaria. Sobre todo, facendo fincapé nos colectivos en risco de exclusión social ou con características que os afastan da autonomía diaria. Este compromiso pola e-Saúde témolo visto nas achegas do CITIC, nos importantes achados do Laboratorio de I+D de Intelixencia Artificial da UDC ou no labor da unidade UCATEA no achegamento das TIC aos devanditos colectivos. Agora, é a quenda dos integrantes do Centro de Informática Médica e Diagnóstico Radiolóxico, IMEDIR, dos que falamos recentemente para dar conta dun importante recoñecemento aos seus esforzos por converter en realidade, a través de tecnoloxía de seu, o acceso ao computador de persoas con lesión medular. Pois ben, sobre esa experiencia volven estar de actualidade con In-TIC, aplicación que amplía as potencialidades e dá meirande carta de oficialidade á tecnoloxía devandita.
In-TIC, máis polo miúdo, é unha tecnoloxía pioneira ao servizo das persoas con diversidade funcional, incrementando así as súas opcións de comunicación, aprendizaxe e lecer a través dun acceso simplificado ao ordenador e ao móbil e un comunicador dinámico. Segundo informa a Universidade da Coruña, onde se insire IMEDIR, “as súas características tanto de personalización como de acceso, xunto coa súa distribución gratuíta, fan de In-TIC unha aplicación única, xa que hoxe en día non existe ningún sistema semellante a disposición dos colectivos con discapacidade”. A iniciativa en cuestión, engádese, xorde dunha colaboración entre a UDC e a Fundación Orange, co patrocinio do Plan Avanza do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Ademais conta con diversas entidades colaboradoras, como ASPACE Coruña (Asociación de Pais de Nenos con Parálise Cerebral), o Centro de Día de Cruz Vermella da Coruña e ASPANAES (Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista da Coruña).
A aplicación creada polo Centro IMEDIR (grupo integrado por investigadores/as das disciplinas de enxeñaría informática, terapia ocupacional e logopedia), ten como obxectivo pór a tecnoloxía ao servizo do usuario con diversidade funcional para “facerlle a vida algo máis sinxela”. Entre as súas características principais inclúese “un gran nivel de simplificación”, factor fundamental para que a ferramenta poida ser empregada polo máis amplo abano de persoas, facéndose fincapé en usuarios con parálise cerebral, trastornos do espectro autista, diversidades funcionais físicas e cognitivas ou dificultades de visión. Asemade as persoas maiores ou dependentes tamén poden atopar nesta ferramenta un importante instrumento para a mellora da súa calidade de vida.
O sistema permite o acceso á aplicación a través de pantalla táctil, tablet, ratos, axudas técnicas de acceso ao ordenador, premedores, teclados adaptados ou sistemas de varrido personalizados.
In-TIC converteuse en realidade por medio de dous vieiros fundamentais: un sistema de acceso simplificado á tecnoloxía (que permite crear contornos personalizados para un acceso simplificado ao ordenador e ao móbil), e un comunicador dinámico (para persoas que non teñan adquirido a linguaxe oral ou teñan dificultades a nivel físico, cognitivo ou sensorial). “En definitiva”, informa o Centro IMEDIR, “o proxecto posibilita a accesibilidade (chegar ás TIC), a usabilidade (facerse coas TIC) e a e-Inclusión; por iso existen dúas interfaces diferentes: a do usuario ou usuaria final e a do titor ou titora (familiares, docentes, terapeutas e outro persoal de apoio), que poderán crear, deseñar ou adaptar os teclados ou pantallas virtuais segundo as necesidades específicas de cada persoa”.

PUBLICIDADE