O Windows 7 europeo podería incorporar navegador web

luns, 3 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios de Windows 7 en Europa poderían elixir un navegador web alternativo a través da chamada Browser Ballot Screen

A Comisión Europea leva tempo presionando a Microsoft por mor da presenza do Internet Explorer por defecto en Windows, o que levou á compañía de Redmond a anunciar que para cumprir coas regulacións anti-monopolio europeas lanzarían unha versión especial do seu novo sistema operativo, o Windows 7 E, que non incluiría ningún navegador web, o que claramente supón un atranco para os usuarios. Dende a Comisión Europea foron conscientes da desfeita e amosaron o seu malestar ante a opción presentada por Microsoft e polo que en Europa poderiamos ter unha versión completa de Windows 7, que para satisfacer as esixencias da Comisión, incluiría o que deron en chamar Browser Ballot Screen ou pantalla de selección de navegador, de xeito que o sistema operativo amosaría unha páxina web na que recollen unha selección cos navegadores web máis utilizados (Internet Explorer, Firefox, Google Chrome, Opera, Safari…), para que o usuario decida o que quere empregar por defecto.
Dende Microsoft aseguran que non iniciaron a distribución do Windows 7 E porque os fabricantes estaban moi preocupados polas limitacións incluídas nesta versión, que non só non contiña navegador web, senón que para poder facer tal non permitía a actualización dende unha versión de Windows anterior (pois viñan cun navegador web integrado). Agardan así que a Comisión acepte a nova proposta da compañía da pantalla de selección de navegador, aínda que no caso de existir algún atranco, aseguran que xa están a estudar outras alternativas entre as que estaría o Windows 7 E, que non contaría coa oposición dos lexisladores, pero si de usuarios e fabricantes.
A páxina de selección de navegador ten que cargarse dende Internet Explorer, e coma vantaxe estaría o feito de que tal páxina web estaría actualizada coas últimas versións dos distintos navegadores cada vez que se instale Windows 7 nun novo equipo, pois estes descargaríanse da Internet. Os usuarios tamén poderán volver a cargar esta web para instalar novas versións dos navegadores e elixir o que usarán por defecto. Incluso teñen pensado que esta funcionalidade chegue a anteriores versións de Windows a través de Windows Update para usuarios europeos, o que podería supor unha importante fuxida de usuarios do Internet Explorer a outros navegadores.
Para todas estas medidas falta que a Comisión Europea dea a súa aprobación, aínda que non é de agardar que poñan atrancos, pois esta nova solución proposta por Microsoft parece adaptarse á perfección ás manifestacións previas da Comisión.

PUBLICIDADE