O Valedor denuncia o desleixo dos concellos en contra das antenas de móbiles ilegais

luns, 18 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

As antenas de telefonía nas vilas e cidades seguen a xerar polémica. Por unha banda, temos ás asociacións veciñais, que seguen sen ver con bos ollos a proliferación nos espazos urbanos deste tipo de infraestruturas, sen acreditar ó cen por cen nos informes feitos polas operadoras nos que se asegura que son inofensivas para a nosa saúde. Pola outra, temos a estas empresas de telecomunicacións, que sosteñen que a habilitación das antenas é a única vía posible para ofrecer un bo servizo nas vilas e nas cidades.
A polémica remóntase xa ós primeiros tempos da chegada da telefonía móbil, e vense de reavivar estes días coa amoestación lanzada ós concellos galegos polo Valedor do Pobo, Benigno López, por considerar que non fan nada para rematar co funcionamento dunha boa parte destas infraestruturas, malia saber que non contan con licenza e, polo tanto, son ilegais.
Segundo informa El Correo Gallego, o Valedor cualificou a reacción dos gobernos locais fronte a este problema de “moi morna ou condescendente” e aproveitou para relembrarlles que ningunha destas e doutras instalacións poden seguir operando de non existir licenza.
Segundo expón o Valedor, a súa reacción responde ós centos de queixas que o seu departamento recibiu procedentes de asociacións veciñais de toda Galiza, preocupadas pola proximidade destas infraestruturas e polos indicios rexistrados de que poden chegar a producir doenzas, aínda que non exista unha certeza absoluta ó respecto (sexa como sexa, xa a Área de Toxicoloxía do Instituto de Saúde Carlos III recomendaba hai anos un mínimo de seis metros de distancia entre as persoas e estas infraestruturas). A xuízo do Valedor, é preciso levar á práctica o principio de precaución ou prevención aínda que non exista un estudo que amose definitivamente que si que son prexudiciais.
Para Benigno López, é especialmente preocupante que só nun ano, neste caso 2006, se tivesen constatado antenas operando de maneira ilegal en até nove concellos do noso territorio, concretamente en Culleredo, Ferrol, Santiago, Tui, Chantada, Ares, Vigo, Porto do Son e Redondela.

PUBLICIDADE