O Supremo declara ilegal que Telefónica cobrase pola identificación de chamadas

luns, 6 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Un dos vellos identificadores de chamada (IDI) que Telefónica repartía entre os clientes que aínda non tiñan teléfono fixo con tal prestación

No ano 2008 Telefónica sorprendeu cobrando o servizo de identificación de chamadas aos seus clientes, o que provocou numerosas reclamacións e denuncias dende as asociacións de consumidores como FACUA, que agora protesta pola pasividade das autoridades de consumo, que non tomaron as medidas oportunas no seu día ante un cobro que agora o Tribunal Supremo declara nulo por tratarse dun servizo que non se solicitou expresamente polos usuarios.
FACUA lembra que tras denunciaren a Telefónica ante a Junta de Andalucía só conseguiron que o organismo impuxese unha multa de 440.000 euros 3 anos despois, cantidade que sería inferior ao que Telefónica ingresa en dous meses por esta tarifa aos seus clientes de telefonía fixa en Andalucía, xa que o Goberno andaluz decidiu non incluír na súa sanción a recuperación do beneficio ilícito obtido pola empresa.
Tamén dende o Ministerio de Sanidade e Consumo ameazaran con levar a Telefónica aos tribunais se non se anulaba o cobro pola identificación de chamadas, pero nunca presentaron a demanda correspondente.
En marzo de 2014 a Audiencia Provincial de Cantabria estimou un recurso da Fiscalía, condenando a Telefónica a eliminar do contrato a cláusula declarada abusiva pola que cobraban 58 céntimos/mes polo servizo de identificación de chamadas que anteriormente daba de balde, ante o que recorreu a compañía, para atopar agora que o Tribunal Supremo dá a razón ás asociacións de consumidores.

PUBLICIDADE