O Sagem my901c, de novo o preferido polos clientes de Yoigo

luns, 21 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Yoigo vén de dar a coñecer o seu segundo ranking trimestral dos teléfonos móbiles máis vendidos, un informe que, se ben ten o seu interese dende o punto de vista cualitativo, se cadra falla no cuantitativo, tendo en conta que a presenza do operador, aínda que en proceso de medre, é pequena en comparación cos seus directos competidores: Telefónica, Vodafone e Orange, que se reparten practicamente o 98% do mercado español. Con todo, e tendo en conta o proceso imparable de crecemento de Yoigo en parámetros concretos como as altas rexistradas no último trimestre (Yoigo e os operadores móbiles virtuais achéganse xa á metade do total), non está de máis esculcar no que máis se comercializa dende a empresa. Neste punto, atopamos de novo no posto máis alto da clasificación ao Sagem my901C, repetindo o lugar que ocupou durante o primeiro trimestre do ano.
O modelo en cuestión, informa Yoigo, consolídase deste xeito como un dos terminais 3G máis económicos e mellor vistos do mercado, “representando claramente a filosofía de baixo custo da empresa”, sinala a operadora nun comunicado. Logo da posición de honra do Sagem, sitúanse o LG KU380 e máis o SGH-Z240 de Samsung, seguidos no cuarto lugar polo LG KU250 e no quinto polo Sony-Ericsson K530i.

PUBLICIDADE