O OMV galego Ocean’s estrea tarifas melódicas

martes, 31 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

O Operador Móbil Virtual (OMV) con sede central en A Coruña, Ocean’s Network, vén de actualizar as súas tarifas de telefonía móbil seguindo a actual tendencia do mercado que as dividen en talles, que desta volta responderían ao nome de melodías, cun total de sete tarifas que toman o seu nome das notas musicais.
As tarifas Do, Re e Mi inclúen voz e mensaxes e teñen prezos de 9, 19 e 29 euros/mes incluíndo 100, 250 e 400 minutos en chamadas respectivamente; mentres que as tarifas Fa, Sol, La e Si inclúen tamén tarifa plana de datos, tendo prezos de 19, 29, 39 e 59 euros/mes con 150, 300, 400 e 750 minutos respectivamente. En calquera destas tarifas, superado o límite de chamadas establecido pasará a facturarse as chamadas a 7 céntimos/minuto cun establecemento de só 12 céntimos. No tocante ao acceso á Rede, as tarifas Fa e Sol inclúen 250 Mbytes de transferencia a máxima velocidade (superados pasarán a 64 Kbps) e as tarifas La e Si gozarán de ata 500 Mbytes a máxima velocidade.
Estas tarifas melódicas non son a única novidade de Ocean’s, pois tamén estrea un módulo de aforro chamado Habla Ocean’s que permitirá chamar a todos os móbiles Ocean’s do usuario durante 1.000 minutos/mes por 9 euros.

PUBLICIDADE