O Nokia Lumia 800 recibe unha actualización que mellora a súa autonomía

mércores, 28 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Os usuarios de terminais Nokia Lumia 800 non poden queixarse da frecuencia na que están a recibir actualizacións para o seu móbil, pois estes días está a distribuírse a terceira en só 4 meses, e que incorpora importantes melloras no tocante ao rendemento da batería e a administración de enerxía, que polas probas levada a cabo ata o momento sorprende chegando a triplicar a autonomía do primeiro móbil de Nokia en integrar Windows Phone 7.5.
Esta actualización tiña fixado o seu lanzamento para o vindeiro 18 de abril, pero dende Nokia decidiron adiantalo o máximo posible para beneficiar aos seus usuarios, polo que xa podemos descargala dende España, mentres que outros territorios terán que agardar aos días 4, 11 e 18 de abril para recibila. Para instalar esta actualización é preciso conectar o móbil ao ordenador e utilizar a aplicación Zune no caso dun PC ou o Windows Phone 7 Connector no caso dun Mac.
Aparte das grandes melloras na autonomía do móbil, a actualización tamén mellora os baixos na reprodución sonora e a calidade de voz, deixando a posibilidade de compartir a banda larga móbil a través de Wi-Fi para unha actualización ulterior.

PUBLICIDADE