O Mercado Municipal do Rosal dá o chimpo á modernidade cunha nova web

luns, 26 de xullo do 2021 S. P.

O Concello de Rosal vén de dar un empuxón transformador ao Mercado Municipal, e fíxoo coa posta en marcha dunha nova web que recolle información detallada sobre os postos na praza, os horarios ou as imaxes de antes e despois deste proceso modernizador co que se conseguiu, en palabras do Goberno local, “un mercado do século XXI”.
A paxina, de deseño atractivo e onde todos os elementos están dispostos para conseguir que o usuario non se extravíe e saiba como chegar ao “destino desexado” nun mínimo de pasos, é unha páxina onde predomina o compoñente visual, tanto no referente ás renovadas instalacións do Mercado (un histórico edificio que data de 1954) como no relativo aos seus establecementos.
Veciñanza e visitantes poderá atopar información sobre os produtos, a historia, os obxectivos ou as fórmulas de contacto de cada un dos comercios que traballan no mercado: carnicería Lucas, Froitas Pérez, Gusto Xusto, O Alcouve da Moura e Peixes e Mariscos Lecio.
Na web, os praceiros e praceiras contan tamén cunha páxina de Facebook na que van informando aos veciños e veciñas das diferentes novidades dos seus postos. Na páxina pódese desfrutar do vídeo da inauguración das obras de remodelación ou de imaxes do antes e despois que reflicten “o paso adiante dado para converter estas instalacións municipais na mestura perfecta de tradición e modernidade”, explicou o Concello.

PUBLICIDADE