O I Congreso Nacional de Turismo Experiencial abre en Lugo as súas portas reais e virtuais
mércores, 16 de setembro do 2020
Hoxe
comeza en Lugo (até o venres 18) o Congreso
Nacional de Turismo Experiencial, onde se reunirán máis de 50
expertos en turismo e nas novas ferramentas que o transforman, que
fan que o sector rompa barreiras e que facilitan as experiencias dos
viaxeiros. O evento, co-impulsado pola Deputación, celébrase no
Pazo Provincial de San Marcos, sede da dita entidade lucense. O
congreso, cuxas sesións vanse desenvolver en streaming para
garantir a máxima seguridade e máis a máxima dispoñibilidade das
mesmas, foi inaugurado polo presidente da entidade provincial, José
Tomé, no salón de actos da sede da institución. Lugo é a primeira
cidade do ámbito estatal en dar acollida a esta actividade.
O
congreso tamén conta co impulso do Concello e a Xunta de Galicia. Na
apertura tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López,
o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, e a
directora executiva de Experiencias del Destino, María Crespo
Castro.
O
presidente salientou “a aposta decidida da Deputación de Lugo por
converter a provincia nun destino turístico de calidade, non
masificado, de contacto respectuoso coa natureza e que resulte
sustentábel no tempo”. Neste senso, valorou que o modelo adoptado
pola institución é “un modelo capaz de poñer en valor o
patrimonio histórico, monumental, natural, gastronómico, cultural
ou etnográfico de todos os enclaves da nosa provincia, un modelo que
respecta a realidade e as características da provincia e das súas
xentes, e que se converte, nun motor de desenvolvemento económico
que contribúe ao equilibrio territorial e á igualdade de
oportunidades dos veciños e veciñas”.
Tamén
fixo saber que o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial busca
ser un referente no que abordar novos retos, ofrecer solucións,
analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a
profesionais para que aproveiten as oportunidades do entorno local a
través dun emprendemento sustentábel, “converténdose nun punto
de encontro para profesionais, emprendedores, técnicos, produtores
locais, estudantes, guías, investigadores, medios de comunicación e
apaixonados do turismo e a cultura en xeral”.
Esta
primeira edición combina o formato presencial, con conferencias no
Pazo de San Marcos, e o virtual, ofrecendo a posibilidade de seguir
as charlas por streaming de máis de 50 expertos e
profesionais do sector. Nun plano máis concreto, a Deputación
sinalou que están inscritos no congreso 20 persoas no modelo
presencial, para cumprir os protocolos anti-COVID; e máis de 1.000
persoas no formato online, procedentes de varios países de
Europa e América.
Lugo
Experience
Aos
participantes nestas xornadas dáselles a oportunidade, este fin de
semana, de amosar e promover as súas actividades no Lugo Experience.
Dito evento será un escaparate de experiencias da provincia de Lugo
que poderán ver os asistentes ao congreso, os visitantes e a
veciñanza da provincia. “Será”, en palabras da Deputación,
“unha oportunidade de vivir e desfrutar durante toda unha fin de
semana dos recursos turísticos, culturais, patrimoniais,
gastronómicos, etnográficos e medioambientais que existen na
provincia”. Todas as actividades de Lugo Experience serán
sustentábeis e respectuosas coa contorna e seguras para todas as
persoas asistentes, cumprindo coas máximas medidas
hixiénico-sanitarias indicadas polas autoridades sanitarias.