O CITIC traballa nun proxecto para entender a fondo o COVID-19 e as súas mutacións

xoves, 9 de abril do 2020 S. P.

O Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC, está a pleno rendemento botando man das posibilidades do traballo a distancia, plenamente coordinado, para achegar repostas específicas e claras na loita contra o COVID-19. Segundo informaron fontes do centro esta mesma semana, un grupo de investigadores da área de Ciencia e Enxeñaría de Datos dirixido por Susana Ladra e José Paramá atópase desenvolvendo un proxecto para a caracterización de “cuasiespecies virais do SARS-CoV-2”. A investigación é unha parte central da tese doutoral do investigador Borja Freire.
Segundo informan dende o CITIC para poñernos en contexto sobre a natureza do traballo despregado, as “cuasiespecies” son as diferentes cepas que se atopan nunha persoa infectada, “unha mestura heteroxénea de xenomas moi relacionados entre si, cunha semellanza superior ao 98 %”. Así, “co obxectivo de entender o virus e as súas mutacións, contribuíndo á súa caracterización”, esta iniciativa estuda o xenoma do virus, comparando diferentes xenomas obtidos de diferentes mostras para ver onde se transforma o virus e onde non se transforma nunca, é dicir, que é o que é esencial para o virus e que é o que non cambia. “Isto permitirá atopar tratamentos e vacinas contra o virus”, explican.
Desde o CITIC, no marco dun proxecto europeo que liderou o centro, e en colaboración coa Universidade de Helsinqui, desenvolveuse un software que aborda o problema de ensamblar as “cuasiespecies virais”, que permite caracterizar as “cuasiespecies presentes nunha mostra a partir de datos de secuenciado”. O centro coruñés fai saber que os resultados experimentais “mostran que este software é preciso e rápido, algo que non se consegue simultaneamente por outros métodos existentes na actualidade”. Ademais, permite recuperar “cuasiespecies de baixa abundancia”, que a miúdo se pasan por alto outras técnicas.

PUBLICIDADE