O CD cumpre 25 anos

venres, 17 de agosto do 2007 Marcus Fernández

O primeiro reprodutor de CD de Philips

O 17 de agosto de 1982 foi a data na que Philips fabricou o seu primeiro reprodutor de Compact Disc en Langenhagen (preto de Hannover), polo que o popular disco compacto estaría hoxe a celebrar o seu 25 aniversario, nun momento no que está en plena crise, xa que o soporte da música está a perder toda a súa importancia grazas ós reprodutores multimedia e ós ordenadores, que fan que o CD perdese o pulo que gañara fronte ó vinilo nas últimas dúas décadas.
O CD conseguiu desbancar do mercado en só 6 anos tanto ás cintas de música coma ós discos de vinilo, de xeito que xa se consideran pezas de coleccionista. Tamén apareceron soportes gravables (especialmente na informática de consumo) que fixeron que as copias fosen posibles e que tamen se empregasen coma soporte de datos (sendo aínda moi utilizado para a venda de aplicacións informática e videoxogos).
Agora o DVD e os dispositivos baseados en disco duro ou en memorias de estado sólido están a facer que o CD xa non sexa o soporte musical que domine o mercado, e o futuro deste formato é toda unha incógnita, aínda que hai quen o defende, posto que coma sistema para almacenar álbums de música nin o SACD nin o DVDAudio conseguiron imporse.

PUBLICIDADE