O Blubrain de Blusens pasará o verán a acubillo

venres, 26 de xuño do 2009 Raquel Noya

A multinacional tecnolóxica con selo galego, Blusens, que está a acadar importantes acordos comerciais con diferentes compañías no continente americano (onde entrou pola porta grande asinando convenios con Carrefour Colombia e outras grandes firmas para a distribución dos seus produtos alén do Atlántico) non deixa de cumprir os seus compromisos aquí en Europa e vén de anunciar o lanzamento do Blubrain “con acceso a contidos Over The Top e tecnoloxía mediaxtream TV de Gigle embebidos”, o vindeiro outubro.
Porén, este retraso no seu lanzamento ata despois do verán (lembremos que xa hai máis de medio ano que coñecemos os primeiros datos do dispositivo) non fai máis que espertar as sospeitas dos medios de comunicación especializados como Xataka, onde afirman que “tanto tempo de espera non foi bo para o produto, pois o consumidor non pode agardar eternamente”; e é que todo apunta a que o dispositivo remate desaparecendo antes de chegar ao mercado ou non logre acadar o éxito que lle auguran os seus creadores, pois de todos é sabida a curta vida dos produtos tecnolóxicos, e moito máis aínda se a pasan na neveira.
Porén pese a súa mala xestión no lanzamento, o Blubrain, tivo melloras importantes dende o pasado ano e agora, ademais de ser un centro multimedia para o fogar, é un xestor de contidos que lle permite ao usuario acceder aos seus arquivos de audio, vídeo, datos… de maneira doada e flexible dende a propia televisión.
A ferramenta obtén os seus contidos de diversas fontes, tales como o seu doble sintonizador TDT, os discos duros interno e externos, a conexión de rede interna do fogar, a conexión de ADSL, cable e outros…e incluso, Blusens, vén de dar un paso máis na súa filosofía de ofertarlle cada vez máis servizos aos usuarios e incorpora tamén a posibilidade de acceder directamente a contidos de vídeo e TV OTT a través de Internet pública, grazas á súa conectividade de rede.
Segundo explica Alexandre Bastos, CTO de Blusens, o acceso a contidos de vídeo e TV Over-The-Top (OTT) “é un novo paradigma de servizo de explotación de contidos”, no que se lle proporciona ao usuario acceso a películas, series e outros programas de televisión completos (non fraccionados en pequenos tramos) e con formato a pantalla completa para ser visionados directamente nunha TV doméstica, pero que chega ata o dispositivo a través dunha da rede pública Internet, sen necesidade de contratar un servizo de IPTV.
Trátase, segundo afirma, dun servizo de contidos “altamente innovador”, que foi definido como unha “realidade de mercado” para este ano 2009 no CES Las Vegas.

PUBLICIDADE