O Blu-ray entra no mercado a un ritmo demasiado lento

mércores, 23 de abril do 2008 Marcus Fernández

A fin da guerra de formatos de vídeo de alta definición parece que non solucionou a situación pola que está a pasar a industria cinematográfica, de feito que as vendas de discos Blu-ray non compensan o descenso de vendas en DVD, xa que o público aínda non está interesado nos novos soportes, que teñen unha demanda moi reducida, xa que o salto do DVD ao Blu-ray non é comparable en absoluto ao paso do VHS ao DVD.
Tamén se pode apuntar que aínda que se fala de moitos reprodutores de Blu-ray vendidos, o certo é que se están a contabilizar as consolas PS3, que moitos dos seus propietarios nin sequera a ven coma un reprodutor multimedia, de aí que non adquiran títulos de vídeo no novo formato.
Dende Citigroup estiman que en 2006 o DVD xerou uns ingresos de 25.000 millóns de dólares, que baixaron a 23.100 millóns en 2007 e poderían quedar en 21.400 millóns este ano, mentres que segundo Nathanson o formato Blu-ray non terá unha adopción masiva ata finais de 2009, polo que o panorama tardará en cambiar. Ademais, todo apunta a que os consumidores non actualizarán as súas filmotecas agás en casos de grandes películas de acción e ciencia ficción no que a diferenza de calidade entre formatos sexa significativa.
Os mesmos datos manexados por Nathanson sitúan o número de fogares con Blu-ray nos EE.UU. no 1% a finais do presente ano, agardando que chegue ao 25% a finais de 2011, polo que aínda lle queda moito por andar a este formato para ser unha realidade no mercado.

PUBLICIDADE