O Apple Watch tardará máis do esperado para venderse en tendas físicas

xoves, 16 de abril do 2015 Marcus Fernández

As reservas do Apple Watch parecen estar a funcionar mellor incluso do agardado, e dende KGI Securities estiman que xa se terían encargado 2,3 millóns de unidades (1 millón só nos EE.UU.) o que abre unha situación de grande indeterminación sobre o xeito no que se comercializará o novo smartwatch, xa que non parece que Apple sexa capaz de atender á súa demanda inicial, o que podería retrasar bastante a súa chegada a España (país non incluído na primeira fase de comercialización).
Esta situación comeza a ser visible dende a propia páxina web de Apple, que na sección dedicada ao Apple Watch mudaron o texto “dispoñible o 24-4-2015” por un “o reloxo está a chegar”. En vista de que a poucas horas da apertura das reservas do reloxo vía web a data de entrega xa superaba a anteriormente fixada data de lanzamento parece evidente que o 24 de abril non será posible mercar o produto nas tendas, o que confirmaría un memorando interno de Angela Ahrendts para os traballadores das Apple Stores, no que aseguran que os primeiros clientes en reservar o Apple Watch comezarán a recibir o dispositivo o día 24, pero as compras en establecementos físicos deberán demorarse, de xeito que nas vindeiras semanas só aceptarán encargos vía web.
Confían en que no mes de maio comecen a poder adquirirse algúns reloxos en tendas físicas, pero aseguran que dado a alta expectación e as unidades dispoñibles inicialmente consideraron que o mellor para poder ofrecer a grande diversidade de modelos cos que conta o Apple Watch era aceptar só pedidos vía web.
O que si queda confirmado é que o día 24 non veremos colas diante das tendas de Apple, ao igual que os usuarios españois que estean interesados en adquirir o produto deberán ter paciencia, incluso de ter a posibilidade de viaxar a Reino Unido ou Francia para facerse co mesmo.

PUBLICIDADE