O 7º Humble Bundle de xogos independentes inclúe tamén un documental

mércores, 19 de decembro do 2012 Marcus Fernández

The Binding of Isaac está incluído no novo Humble Indie Bundle

Tras un pequeno paréntese no que The Humble Bundle abriu a porta á editora THQ para comercializar varios dos seus xogos nun lote polo que o público podía pagar a vontade, esta iniciativa solidaria que permite que os compradores decidan o que queren pagar polos xogos, así como o reparto que se fan dos ingresos (repartidos entre os organizadores da iniciativa, os creadores e un par de entidades benéficas), volve ao rego dos xogos independentes con The Humble Bundle 7, lote que poderá mercarse durante un par de semanas e que está composto polos xogos Snapshot, Closure, Shank 2 e o supervendas The Binding of Isaac, xunto co excelente documental Indie Game: The Movie (que amosa a outra cara de xogos como Super Meat Boy e Fez e que, aínda que está en inglés, distribúese con subtítulos en español), recibindo os usuarios que paguen máis da media algúns contidos adicionais (inicialmente os xogos Dungeon Defenders e Legends of Grimrock).
As bandas sonoras dos xogos tamén están incluídas neste lote de xogos multiplataforma (funcionan en Windows, OS X e Linux) e cómpre destacar que a compra dos xogos soltos superaría os 140 dólares, e co pagamento duns 6 dólares xa poden conseguirse todos os contidos, polo que estamos ante unha oferta difícil de deixar pasar para os amantes dos xogos para ordenador.


Vídeo promocional do 7º Humble Indie Bundle

Non todo son xogos neste lote, estando dispoñible un grande documental sobre o desenvolvemento de xogos independentes


Trailer do documental Indie Game: The Movie

PUBLICIDADE