O 15 de novembro remata o prazo para inscribirse aos Premios Youtubeiras

martes, 8 de novembro do 2022 Redacción

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, pechará o vindeiro martes, 15 de novembro, o prazo de inscrición para a sexta edición dos seus premios. Este certame, cuxas bases se poden consultar na web, repartirá 7.500 euros nas categorías de: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. Os sete primeiros galardóns contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que para o último apartado a cifra ascende aos 500 euros.
Os Premios Youtubeiras celébranse este ano baixo o lema Para a rede, a nosa. Esta máxima procura transmitir fachenda e forza, ademais dun ton enérxico, para subliñar o traballo desenvolvido pola comunidade Youtubeiras dende a súa posta en marcha. Ao abeiro desta iniciativa que vai máis aló duns premios e que xorde da colaboración de institucións que se unen a prol do fomento da lingua, conseguiuse crear e ensanchar unha comunidade viva e dinámica na nosa lingua na Rede. Para continuar pola senda da medra, Youtubeiras este ano ten como obxectivos incentivar a profesionalización dos youtubeiros, poñer en valor a súa figura, achegar espazos de aprendizaxe especializada e promover temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en YouTube.
Nesta sexta edición, os Premios Youtubeiras experimentan diferentes cambios. Ademais de reestruturar as categorías, modifícanse as bases nun aspecto fundamental para poder concorrer nestes premios. Se o ano pasado resultaba imprescindible para a inscrición contar cunha canle que tivese polo menos cinco vídeos publicados, nesta edición vólvese permitir a presentación de canles cun único vídeo. A organización revisa anualmente as bases dos Premios Youtubeiras, xa que o eido da creación dixital evoluciona e vive fondas transformacións a gran velocidade.

PUBLICIDADE