Novo manifesto a prol da Rede libre

mércores, 23 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O escritor Carlo Fabretti, un dos impulsores da plataforma

Por se xa tiveramos poucos debates, dun tempo a esta parte temos un que afecta ao escenario mesmo onde se desenvolve unha boa parte deses debates da actualidade: a Rede. A controversia non é unha controversia calquera: trátase de saber até onde chega a liberdade na Internet, ou na vida mesma (porque xa non se poden desligar ámbolos dous conceptos), á hora de intercambiar información. É dicir: que facemos cando nos poñemos no eMule e baixamos unha película? Tomamos emprestado un arquivo ou ben atentamos ilegalmente contra os dereitos dos artistas? Se hai uns días asistíamos á posta en marcha dunha nova plataforma de músicos e cineastas que esixían o peche da billa, agora toca falar do contrario: xente procedente das máis variadas polas creativas que xa está un pouco cansa de que á cultura, para eles un dereito universal, se lle poñan máis atrancos dos que xa hai.
No grupo vemos un pouco de todo: xuristas, músicos, literatos, ensaístas, investigadores ou filósofos. Segundo se conta en Xornal.com, o colectivo non sigue o ronsel do documento recentemente asinado en contra da loita contra o intercambio na Rede que promove Zapatero (documento que o novo grupo cualifica de politizado e afín á dereita máis intransixente), senón que se desmarca del cara á independencia. Detrás deste novo colectivo albiscamos xente como as escritoras Belén Gopegui e Rosa Regás, o músico Álex de la Nuez ou o escritor e activista Carlo Fabretti, un vello coñecido dos galegos e un dos persoeiros da cultura española que máis esforzos ten dedicado á liberdade cultural e informativa nos medios dixitais. Estes e outros asinantes participan no manifesto como unha maneira de poñerlle freo á concorrencia activa nesta loita a prol da Rede libre de colectivos pouco sospeitosos de seren tolerantes co fluxo información.
Máis polo miúdo, o seu manifesto funciona como versión pulida cara á independencia do previamente asinado na Rede contra o Goberno de Zapatero e a súa política contra as redes de intercambio de ficheiros, canalizada a través do Ministerio de Cultura.
Nese documento previo, sinalan os promotores desta nova plataforma dixital, “atópanse xornalistas que defenden a libre descarga de películas ou música dende Internet pero son ciumentos gardiáns de outras formas moito máis inxustas de colonialistas de propiedade privada”, sinalan. No novo documento apóstase por atopar novos modelos de explotación no mercado de Internet, ao considerar que a busca de alternativas de reprodución das creacións podería achegar un avance para todas e todos.

PUBLICIDADE