Nova edición dos Premios de Publicidade en Galego 2013

luns, 10 de febreiro do 2014 Redacción

A sede do Consello Asesor da RTVE en Galicia en Compostela

Xa están dispoñíbeis as bases da nova edición do Premio de Publicidade en Galego 2013 que convoca o Consello Asesor da RTVE en Galicia e a CTRVG. Os galardóns, abertos arestora á inscrición dos candidatos, diríxense a recoñecer o traballo despregado polos medios, axencias ou entidades que promovan ou difundan anuncios ou cuñas publicitarias transmitidas integramente en galego. Convócanse tres modalidades: radio, televisión e Internet. Nos traballos presentados, valoraranse, entre outros, os seguintes aspectos: singularidade da produción, calidade lingüística oral e escrita e contido multimedia para os traballos en Internet.
Os traballos que concursen deberán estar difundidos no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2013. O xurado estará composto polo pleno do Consello Asesor de RTVE-G e da CRTVG e/ou que poderá solicitar a colaboración ou asesoramento de profesionais de recoñecido prestixio no eido da comunicación. Todos os traballos deberán ser presentados en correo electrónico (unicamente para os arquivos de audio correspondentes ás cuñas de radio), CD ou DVD. No caso de Internet, a copia deberá acompañarse do enderezo completo da web.

PUBLICIDADE