Nokia convida aos seus usuarios a compoñer unha nova versión do seu ton de chamada

martes, 6 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Nokia, seguindo a tendencia mundial de facer que traballemos todos, empresas e usuarios, lánzase a sacar dos usuarios o creativo que levan dentro. Trátase, máis polo miúdo, dun concurso internacional no que se convida ao público a pórse na pel dun compositor tecnolóxico e dar forma ás súas propias versións do Nokia Tune. O certame, que xa ten web para que enviemos propostas e votemos polas que xa están habilitadas, aínda a risco de ficar doentes de certos problemas de audición, ten o alicerce no tema Gran Vals, do español Francisco Tárrega (1852-1909), miolo do Nokia Tune, un ton de chamado que foi dado a coñecer en 1994 coa serie 2100 da compañía finesa.
Dende o comezo”, informan dende a multinacional, “o Nokia Tune converteuse nunha das pezas musicais máis escoitadas de todo o mundo, chegando a fixarse como melodía predeterminada en centos de millóns de móbiles Nokia”. Por certo que segundo estudos recentes, o Nokia Tune soa máis de mil millóns de veces ao día. Case nada.
Volvendo ao concurso, o tema que nos ocupa, dicir que responde ao interese de Nokia e AudioDraft (empresa especializada na creación de audio) por procurar unha melodía nova, expresiva orixinal e que ao mesmo tempo leve implícita a pegada da casa e sexa, polo tanto, distintiva da mesma. Cousa complicada, pero, a xuízo de Nokia, posíbel. E máis se conta coa axuda de toda a comunidade internacional de usuarios. Iso si, pídense unha serie de requirimentos a maiores: a melodía deberá ter unha duración máxima de 30 segundos e deberá serlle enviada á compañía antes do 2 de outubro. Os cinco temas máis votados, ou os que máis gustaran, clasificaranse como finalistas. O xurado, pola súa parte, tamén elixirá outras cinco. Das dez resultantes, o xurado quedarase con unha. Por certo que neste comité de expertos hai xente como Kai Bronner, un dos fundadores de Audio Branding Academy, ou Julian Treasure, autor de Sound Business.
Quen gañe terá a honra de ver incluída a súa melodía nos modelos seleccionados da gama de terminais de Nokia 2012, cunha cifra que se prevé de 100 millóns de trebellos. O tema musical, demais, encontrarase dispoñíbel en Ovi Tienda. Como recompensa, a autora ou autor que se faga co concurso obterá unha contía de 10.000 dólares.

PUBLICIDADE