Nokia, Panasonic e Samsung, denunciadas por infrinxir a patente do Bluetooth

xoves, 4 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

Hoxe en día son poucos os que nunca escoitaron falar da tecnoloxía Bluetooth e das numerosas vantaxes que ofrece un mundo sen fíos. O Bluetooth é unha norma que define un estándar global de comunicación sen fíos e que posibilita a transmisión de voz e datos entre diferentes equipos mediante unha ligazón por radiofrecuencia.
Esta tecnoloxía comprende hardware, software e requirimentos de interoperatibilidade, polo que para o seu desenvolvemento foi precisa a participación dos principais fabricantes dos sectores das telecomunicacións e a informática, tales como: Ericsson, Nokia, Toshiba, IBM, Intel e outros.
Agora, unha das compañías creadoras, Nokia, xunto con Panasonic e Samsung foron denunciadas pola Universidade de Washington por infrinxir a patente do Bluetooth, ó incluír esa funcionalidade nos seus móbiles sen licenza para facelo.
Cómpre dicir que a Fundación de Investigación de Washington (encargada de xestionar os dereitos das universidades públicas nese estado) afirma que as compañías fabricaron, empregaron e importaron ós EE UU produtos que infrinxen unha patente concedida ó científico Edwin Suominen en 1999. Polo momento a denuncia limítase ós dispositivos vendidos en EE UU, e mentres que Panasonic e Samsung non fixeron declaracións ó respecto, Nokia declarou xa que está a estudar a demanda para apelar.

PUBLICIDADE